Morre o copiloto dun todo terreo ao impactar contra un camión á entrada de Quiroga
Eran as dez e media da mañá cando o vehículo todo terreo en que viaxaban dúas persoas non puido esquivar un camión que estaba parado por un fallo mecánico na beiravía da nacional 120 á entrada de Quiroga. O impacto foi brutal.
Como consecuencia do accidente morreu a ocupante do asento dianteiro dereito do turismo, mentres que o conductor foi trasladado en ambulancia en estado grave. Os ocupantes do todo terreo eran un matrimonio de idade avanzada.
O sinistro tivo lugar nun treito recto con boa visibilidade e na calzada non quedaron marcas de freada. Mentras tráfico aínda está a investigar as causas do accidente, barállase un descoido do condutor, que o sol o cegase ou que a presenza do camión na beiravía non estivese suficientemente sinalizado. O condutor do camión quedou ileso.
O aparatoso accidente obrigou a regular o tráfico na nacional 120 en ambos sentidos mentres se procedía á retirada dos vehículos sinistrados. No carril onde se produciu o accidente interrompeuse a circulación de vehículos pesados e uns 30 camións tiveron que agardar parados tres horas ata que se restableceu o tráfico.