Morre o condutor dunha moto en Vigo tras bater contra unha ambulancia
Brutal impacto foi o que se produciu entre a ambulancia e a moto que conducía o falecido. Sucedeu na avenida de Madrid, pola que o vehículo sanitario circulaba, ao parecer sen pacientes, en dirección á praza de España.
Foi nun cruzamento, á altura da Finca de San Roque, cando bateu contra o motorista que se incorporaba á vía. Esta é unha zona regulada por semáforos, polo que xa se investigan as causas e circunstancias exactas en que se produciu o sinistro.
Como consecuencia do impacto, a ambulancia arrastrou varios metros a moto e foi necesaria a intervención dos bombeiros para liberar o seu condutor que quedou baixo o vehículo. Ata tres ambulancias desprazáronse ao lugar dos feitos, pero non se puido facer nada por salvar a vida do motorista, de cincuenta anos de idade.