CRTVG

Buscar

Un policía morto e outro ferido nun asalto cun turismo ao Capitolio

Publicado o 03/04/2021 11:53

• O condutor, que saíu do coche cun coitelo, foi abatido pola Policía

 

 

Un policía morto e outro ferido nun asalto cun turismo ao Capitolio

Un coche arremeteu este venres contra unha barricada de seguridade no perímetro do Capitolio dos Estados Unidos e atropelou dous axentes. Segundo informan as forzas de seguridade do Congreso, un deles morreu.

O condutor, do que non se ofreceron detalles, faleceu pouco despois nun hospital de Washington. Segundo explicou en rolda de prensa Yogananda Pittman, xefa interina da Policía do Capitolio, o asaltante saíu do vehículo cun coitelo que amosou de xeito "agresivo", polo que foi abatido a tiros.

Minutos antes, a propia Policía alertara as oficinas dos congresistas da existencia dunha “ameaza de seguridade externa”. En pleno período de vacacións de Pascua, ningún membro da cámara de representantes nin do Senado se encontraba no interior das instalacións.

O Capitolio atópase fortemente blindado dende o asalto do 6 de xaneiro por unha turba de seguidores do expresidente Donald Trump que deixou cinco mortos. Porén, hai dúas semanas retiráranse parcialmente algúns dos valados de seguridade. Agora permanece pechado.