CRTVG

Buscar

Morre atrapado polo tractor que conducía ao envorcar en Triacastela

Publicado o 01/04/2020 16:53

Un home faleceu ao envorcar o tractor que conducía e co traballaba nunha nave no municipio de Triacastela, segundo informou o servizo de Emerxencias.

A alerta do accidente foi rexistrada cara ás 21:00 horas e os equipos que acudiron á zona puideron liberar do peso do tractor a vítima, de 50 anos, que morreu.

O accidente produciuse nunha nave dedicada á cría de pitos na parroquia de Vilavella, en Triacastela.

Todo indica que o tractor que conducía o falecido envorcou ao tentar subir por este noiro. O vehículo quedou boca abaixo e esmagou no acto o ocupante, porque carecía tanto de cabina como de arco de seguridade. Os bombeiros de Sarria foron os encargados de retirar o cadáver. O sinistro produciuse nas instalacións dunha granxa avícola na parroquia de Vilavella.

"Confirmamos os datos que nos dera o 112. Vimos que xa estaba a Garda Civil e que os veciños trataban de erguer o tractor. Nós retiramos o cadáver."

Ademais dos bombeiros de Sarria, ata o lugar trasladáronse efectivos da Garda Civil e do GES de Becerreá, así como un equipo sanitario que só puido certificar a morte do home, que era o propietario da granxa, dedicada á cría de polos.