CRTVG

Buscar

Morre aos 52 anos Helen McCrory, actriz de 'Peaky Blinders' e 'Harry Potter'

Publicado o 16/04/2021 21:35
Morre aos 52 anos Helen McCrory, actriz de 'Peaky Blinders' e 'Harry Potter'

A actriz británica Helen McCrory, que participou en tres entregas da serie cinematográfica de "Harry Potter" e en cintas como "Skyfall", morreu aos 52 anos, segundo anunciou este venres o seu esposo, o tamén actor Damian Lewis. 

"Tras unha heroica batalla contra o cancro, a bela e poderosa muller que é  Helen McCrory morreu pacificamente en casa, rodeada dunha onda de amor de familiares e amigos", escribiu Lewis na rede social Twitter. "Morreu como viviu, sen medo", afirmou o actor sobre  McCrory, coñecida así mesmo pola súa participación na serie da BBC " Peaky  Blinders", un drama histórico que retrata a unha familia de  gánsters de  Birmingham na década de 1920.

Nas tres últimas entregas da saga que adaptou ao cinema as novelas de  J. K. Rowling,  McCrory deu vida ao personaxe de Narcissa Malfoy. Entre os seus papeis destacados inclúese así mesmo o rol como esposa do ex primeiro ministro británico Tony Blair,  Cherie, nas películas "A raíña" e " The Special Relationship".