Unha vida dedicada á política e ao PSOE
Chegaron a dicir del que foi de todo menos presidente. Un histórico socialista, membro do partido desde 1974. O certo é que a historia do PSOE nas últimas tres décadas dificilmente se escribiría sen mencionar a Alfredo Pérez Rubalcaba. Ocupou cargos de relevancia desde a época de Felipe González, con quen foi secretario de Estado de Educación, ministro de Educación e Ciencia, ministro da Presidencia e portavoz do Goberno.
Con Rodríguez Zapatero, Rubalcaba ocupou o posto de portavoz socialista no Congreso e Ministro do Interior. Na segunda lexislatura acumulou tamén a Vicepresidencia e novamente, o cargo de portavoz do Goberno.
No ano 2012 Rubalcaba asumiu a Secretaría Xeral do PSOE, tras enfrontarse polo liderado con Carme Chacón. Dous anos despois, en 2014, anunciou que abandonaba a política, tras os malos resultados do PSOE nas eleccións europas dese ano.
Do seu legado político, desde as filas socialistas destacan o papel crucial que xogou no fin da banda terrorista ETA. Desde outras frontes recoñecen ademais o papel exemplar que tivo na abdicación do rei Xoán Carlos, poucos meses antes de abandonar a política.
Despois diso, Rubalcaba volveu á docencia. Nos últimos cinco anos foi profesor de Química na Universidade Complutense de Madrid. Dicía que estaba feliz e tranquilo.