CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Morre a actriz Doris Day, icona de Hollywood, aos 97 anos

Publicado o 13/05/2019 17:16
Morre a actriz Doris Day, icona de Hollywood, aos 97 anos

Doris Day, unha das estrelas máis populares de Hollywood dos anos 50 e 60, que tivo o seu propio programa de televisión, faleceu aos 97 anos, segundo informa a BBC. A actriz foi protagonista de filmes como Quiéreme o déjame, Té para dos, El hombre que sabía demasiado, A la luz de la luna, Pijama para dos ou Confidencias de medianoche, traballo polo que logrou o seu único nomeamento ao Óscar.

A lenda de Hollywood Doris Day faleceu hoxe aos 97 anos por complicacións asociadas a unha pneumonía, segundo confirmou a Doris Day Animal Foundation: "Day gozara dunha excelente saúde para a súa idade, ata que recentemente contraeu un pneumonía grave, que produciu a súa morte", dixo nun comunicado a fundación, dedicada á protección dos animais.

Day morreu na súa casa de Carmel, en California. Despois da súa última película, en 1968, pasou a protagonizar o seu propio programa de televisión, O show de Doris Day, entre 1968 e 1973. Desde entón, afastouse das cámaras e centrouse en labores de activismo polos dereitos dos animais. Nada en Cincinnati (Ohio) en 1924, a súa primeira película na gran pantalla foi Romance en alta mar, de 1948. As súas comedias románticas, moitas delas en compañía de actores como Rock Hudson, foron grandes éxitos de despacho de billetes, e nelas mostraba tamén o seu talento como cantante.