A única deputada provincial de Ciudadanos en Ourense pasa ao grupo de non adscritos
Montserrat Lama, a única deputada provincial de Ciudadanos en Ourense, acaba de pasar ao grupo dos non adscritos. Lama asegura que dá o paso por responsabilidade, para garantir desde a oposición a estabilidade do Goberno do PP na Deputación, en minoría trasa a ruptura do pacto con Democracia Ourensana.
Deste xeito, Ciudadanos perde a súa única deputada provincial en Ourense e concelleira en Xinzo. Lama acusa a dirección galega de Ciudadanos de negociar ás súas costas unha moción de censura contra Manuel Baltar na Deputación a cambio de cotas de poder no Concello de Ourense. A formación laranxa reclámalle que devolva as actas de concelleira e de deputada. O transfuguismo, advirte a portavoz galega Beatriz Pino, tamén é corrupción.
Montserrat Lama fichara hai dous anos por Ciudadanos tras deixar o Partido Popular. Manuel Baltar amosou total respecto pola súa decisión e valorou o seu xeito, dixo, de facer política en positivo.