Mondoñedo, primeiro concello en España con controis de covid-19 en superficies
Unha PCR que non se aplica ás persoas, senón aos obxectos. Mondoñedo é o primeiro concello en España que vai utilizar este sistema. As mostras cóllense naquelas superficies que todos tocamos. "Por exemplo: un interruptor da luz, un tirador, un teléfono que usa máis dun traballador...", concreta Ángel Sereno, director de Cosemar Ozono.
O bastón recolle as partículas que poden ter o virus e métese nun tubo. No laboratorio extraen o material xenético.
"Desde que se leva a mostra ao laboratorio en 24-48 horas temos a certeza de como estamos limpando e do nivel de seguridade para a xente. Isto é un documento científico en que a doutora di si ou non", conta Ángel.
Os controis, en dependencias municipais
Mentres a vacina non exista a protección só pode vir do control. En Mondoñedo vano aplicar nos edificios públicos e en lugares turísticos concorridos. Ata se analizou a posibilidade de aplicalo na cova do Rei Centolo.
"É fundamental ter unha cidade limpa para que calquera persoa que se achegue a Mondoñedo ou nós mesmos poidamos ir con liberdade ao supermercado, comercios, bares...", afirma Manuel Otero, alcalde de Mondoñedo.
"Aquí como máximo ímolo facer unha vez ao mes. É suficiente", di Ángel Sereno.
Esta é unha técnica que se utiliza moito en seguridade alimentaria e que está avalada polo Instituto de Saúde Carlos III.