CRTVG

Buscar

Moncloa baralla celebrar dous consellos de Goberno a semana que vén

Publicado o 09/01/2020 09:30

Dous consellos de ministros a semana que vén: un para conformar o novo goberno e outro coas primeiras medidas do Executivo. É unha posibilidade que cobra forza tras a anulación do Consello de Goberno de mañá, algo inusual porque se celebrou todos os venres, mesmo co goberno en funcións. 

O atraso do presidente en repartir as carteiras ministeriais xa está sendo intrepretado pola oposición como a primeira crise entre os socios de coalición.

O presidente do goberno busca un perfil máis político para o seu gabinete para facer fronte a unha oposición que -prevén- non lles vai dar tregua. Nas xornadas que restan ata os nomeamentos oficiais, Moncloa examina en profundidade os perfís de todos os ministros, para evitar casos coma o de Carmen Montón ou Maxim Huerta que poidan desestabilizar o Executivo.

"Tamén está facendo modificacións de áreas que poden estar xuntas ou separadas", explicaba a vicepresidenta en funcións. Calvo respondía así aos que ven o atraso do nomeamento dos ministros como unha exhibición de autoridade de Sánchez ante o anunciou por parte de Podemos dos nomes dos seus ministrables.

"Estamos asistindo á primeira crise de Goberno entre PSOE e UP. O presidente está furioso", opina Javier Maroto, do Partido Popular.  Pero tanto Iglesias como Calvo desmentiron que exista ningún problema na coalición e tomaron con naturalidade os atrasos. 

"Entendo que os xornalistas fan o seu traballo e publican as informacións que teñen, pero eu acordei con Pedro Sánchez que non se falaba de nomes, de carteiras ou ministerios ata que os nomee el, que ten esa prerrogativa como presidente", explicou o líder de Unidas Podemos.

"Ocorre que nós temos unha coalición de dous partidos para gobernar, pero un só goberno, que ninguén o dubide: un só goberno ás ordes dun presidente que xa sabemos que é Pedro Sánchez", engadiu Carmen Calvo, que considera que hai asuntos aos que non hai que darlles maior importancia.

Onte mesmo, os dous socios de coaliación estableceron dous órganos de coordinación, un no propio executivo e outro entre grupos parlamentarios para resolver as diferenzas que poidan xurdir baixo a vontade de ambos de gobernar unidos e esgotar a lexislatura.

Noticias web

09/01/2020