CRTVG

Buscar

Modéranse os contaxios en Aragón e Cataluña

Publicado o 12/08/2020 14:49

Das 64 mortes rexistradas en toda España na última semana, a metade foron en Aragón, que hoxe notificou 470 novos positivos.

Diante do Clínico de Zaragoza, o Exército do Aire continúa coa instalación do hospital de campaña, que se porá en marcha só se fixese falta. De momento inda quedan 70 camas dispoñibles no hospital.

Os casos en Cataluña seguen á baixa, hoxe notificou 548 novos positivos. Redúcese a taxa de contaxios pero o risco de repunta segue. Por iso, a Generalitat anunciaba esta mañá que ampliará nos próximos días os cribados masivos a dous barrios máis de Barcelona.

En Tarragona, investigan a morte dunha nena de 11 anos que faleceu no hospital Juan XXIII e que dera positivo en coronavirus hai uns días. Descoñécese de momento se a covid-19 foi a causa da morte.

"Hai que diferenciar se é un caso non a causa de, senón con coronavirus", dicía o secretario xeral de Saúde Pública.

Na Comunidade de Madrid o principal problema segue estando nas residencias. Sete anciáns dunha residencia de Valdemoro acaban de dar positivo en coronavirus. Foran trasladados a semana pasada da residencia de San Martín de la Vega afectada por un gromo que contaxiara medio cento de persoas.

Ante o aumento de casos na comunidade, nos hospitais empezan a tomar medidas. Por exemplo, no Doce de Octubre que decidiu reprogramar e aprazar as operacións non urxentes. A día de hoxe hai xa máis de 500 persoas ingresadas por Covid en centros hospitalarios madrileños, 69 en coidados intensivos.

En Euskadi, aínda que rexistra un descenso de casos, hoxe 363 novos positivos, preocupan as hospitalizacións, máis dun cento. Tamén se incrementaron considerablemente os contaxios en Cantabria, Castela e León e Murcia.

Polo demais, a Fiscalía abriu dilixencias para investigar se na xestión do gromo de coronavirus entre os xornaleiros de Albacete se produciu unha neglixencia.

Noticias web

12/08/2020