CRTVG

Buscar

Berros en corenta localidades galegas contra a violencia machista

Publicado o 19/09/2021 09:31

O movemento feminista convocou corenta mobilizacións en localidades de toda Galicia. A da Coruña concentrou unhas duascentas persoas en repulsa do asasinato machista de Mónica Marcos. Piden que se aborde a violencia machista como problema social e político de gravidade extrema e que esta realidade se trate nas escolas desde idades temperás.

O presunto asasino de Mónica Marcos pasou esta mañá a disposición xudicial. Este sábado negouse a declarar no interrogatorio policial. José Ramón Guerreiro chegou ao cuartel de Lonzas (A Coruña) desde Madrid, onde o prenderon o xoves á noite, apenas vinte e catro horas despois de que se activara a súa busca.

Localizalo non foi difícil. O rastrexo do seu teléfono móbil situouno no aeroporto de Alvedro. Alí as cámaras de seguridade captaron o momento en que colleu o avión. Voou horas antes de que o fillo de Mónica atopara o seu corpo no domicilio que compartían os tres, xa na madrugada do xoves. A fuxida de José Ramón Guerreiro rematou nun hostal da madrileña rúa Sagasta. Detivérono sen que ofrecese resistencia.

Antecedentes

Mónica Marcos e o seu presunto asasino levaban xuntos pouco máis de dous meses e convivían na mesma casa desde finais de agosto. As persoas máis próximas á vítima descoñecían os antecedentes por violencia machista do home.

Os ramos de flores e as mensaxes agarimosas dos seus veciños e clientes custodian a entrada do negocio de Mónica. Catro días despois da súa morte, o barrio garda un silencio respectuoso coa familia da panadeira do Birloque, a primeira vítima da violencia machista deste ano en Galicia.

Noticias web

19/09/2021