CRTVG

Buscar

Miriam Garabito: "15.000 nenos menores de cinco anos morren cada ano por causas tan evitables"

Publicado o 18/11/2019 12:06

Miriam Garabito, presidenta de Unicef Galicia, falou da nova compaña da organizacion que leva por nome 'Por min e por todos os meus compañeiros' e que conta coa colaboración da CRTVG.

Garabito dixo que a campaña ten tres píares básicos: o primeiro deles a saúde porque, segundo asegurou, 15.000 menores de cinco anos morren por causas tan evitables como a falta de auga potable ou unha vacina.

A campaña ten tamén un segundo piar, que é a educacion, coa finalidade de romper os círculos de pobreza no mundo e que os nenos e nenas se poidan desenvolver de xeito integral.

A presidenta de Unicef Galicia dixo que había mais de cincuenta e oito millóns de nenos en todo o mundo que non teñen acceso á escola primaria. 

E finalmente Garabito falou dun terceiro piar fundamental desta campaña, que sería a protección. A este respecto, dixo que hai mais de 150 millóns de nenos que sofren violencia e que tiveron que abandonar os seus fogares carentes de toda protección.

Unicef pide a colaboración de todos e recoñece a implicación das empresas, institucións e medios de comunicacion galegos para tratar de lograr os recursos necesarios que permitan ofrecerlles un presente pero tamén un futuro a todos os nenos do mundo.