CRTVG

Buscar

Minutos de silencio en toda España polas vítimas do coronavirus

Publicado o 27/05/2020 15:18

Precedido por un toque de oración a cargo dun membro da Garda Real, os reis de España, a princesa Leonor e a infanta Sofía gardaron un minuto de silencio nos exteriores do Palacio da Zarzuela. De loito e ante unha bandeira a media hasta, os monarcas e as súas fillas rendéronlles homenaxe ás vítimas mortais da COVID-19.

A Casa do Rei emitiu un chío no que afirma que España chora polos milleiros de compatriotas mortos durante a pandemia. E mándalle unha mensaxe a todos os doentes que seguen loitando por saír adiante.

Unha vez superado o estado de alarma está previsto que o xefe do Estado presida un grande acto oficial en memoria das vítimas

Silencio tamén nos exteriores do Palacio da Moncloa. O presidente do Goberno, varios membros do seu executivo e traballadores do recinto sumáronse a esta homenaxe na sede da presidencia.

Tamén parou para gardar silencio o Congreso dos Deputados. Ás doce do mediodía os deputados poñíanse en pé para mostrar o seu pesar polos falecidos durante a pandemia.

Todas as institucións do Estado se sumaron á homenaxe. En Galicia, membros do Goberno e traballadores e funcionarios da Xunta gardaron silencio nos exteriores de San Caetano. No Parlamento de Galicia, representantes de todos os partidos políticos e persoal da cámara lembraron as vítimas mortais do coronavirus na escaleira central de acceso. Era o primeiro dos dez días de loito oficial decretado polo Goberno que se estenderá ata o vindeiro 5 de xuño. Ata entón todas as bandeiras do país permanecerán a media hasta.