CRTVG

Buscar

Miñones asegura que a consulta xudicial sobre as restricións vai ser "áxil"

Publicado o 05/05/2021 11:55
Miñones asegura que a consulta xudicial sobre as restricións vai ser "áxil"

O delegado do Goberno en Galicia asegura que o proceso xudicial de consulta das comunidades para impoñer restricións, tras o 9 de maio, "será moito máis áxil e eficiente" tras a aprobación do decreto que lles vai permitir aos gobernos autonómicos acudir ao Tribunal Supremo para pronunciarse ao respecto.

Segundo José Miñones, o real decreto lei sobre a fin do estado de alarma aclara "as pautas" que se deben seguir. O texto, subliña, facilita "a posibilidade" de que os distintos territorios non teñan que "pasar por un proceso longo" nos tribunais para impoñer medidas, senón que se poderán aplicar "de xeito inmediato".

Neste sentido, explica que se poderán seguir establecendo peches perimetrais nos concellos, así como restricións na hostalería. "As comunidades autónomas van poder seguir facendo todo iso", remarca.

Miñones insiste en que "se están a poñer todos os medios" e considera "necesario" ir recuperando a normalidade "ante a situación económica". Para iso, engade, "a clave é vacinar".