CRTVG

Buscar

Ministros de Unidas Podemos piden que se rectifique a tarifa da luz por tramos

Publicado o 10/06/2021 15:07

Na primeira semana de xuño, xa coa nova factura por tramos, o recibo subiu un 42% con respecto ao ano pasado. Para frear esta escalada, a OCU pídelle ao Goberno que rebaixe o IVE da luz do 21 ao 10% e que elimine o imposto da electricidade. Dende Facua tamén reclaman que se modifique o modelo por tramos, que cualifican de "lamentable". Piden que o tramo máis barato empece ás dez da noite, e non ás doce como agora.

Os ministros de Unidas Podemos fan súa esta reclamación, e xa lle pediron o cambio á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Segundo a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, "un Goberno progresista como este ten que estar en permanente estado de escoita, ten que ser empático coa cidadanía e co malestar que se xerou pola factura da luz".

Tamén o ministro de Consumo, Alberto Garzón, apoia a petición e asegura que seguirán "empuxando" dentro do executivo a pesar das discrepancias co PSOE, que insiste en que as novas tarifas benefician a maioría. Dende Podemos tamén lle piden ao PSOE que reconsidere a súa proposta de crear unha empresa pública de enerxía.

 

Noticias web

10/06/2021