CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas reclaman en Madrid unhas "pensións xustas"

Publicado o 16/10/2021 20:55

Milleiros de persoas chegadas de distintas partes de España, máis de 10.000 segundo a Policía Nacional, unhas 5.000 segundo a Delegación do Goberno, amosaron este sábado en Madrid o seu rexeitamento á inminente reforma das pensións do ministro Escrivá, ao que cualificaron dun "mandado da banca internacional" e pediron a súa dimisión.

"Non pode ser que un Goberno que se comprometeu cos pensionistas e coa sociedade a garantir dereitos básicos teña un ministro que se dirixe á prensa con globos sonda ameazando a nosa xente maior con arrebatarlles os seus dereitos mentres lle ofrece á banca privada da UE en bandexa o que son os nosos aforros, o que é o noso salario social diferido. Esiximos a dimisión de Escrivá", dixo Ramón Franquesa, portavoz de COESPE.

A Coordinadora Estatal en Defensa do Sistema Público de Pensións, xunto con outras organizacións, reclaman unhas "pensións xustas e suficientes" e que non se privatice o sistema público.

"Que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo, que xa o di a Carta Social Europea, que España xa a asinou hai moitos anos pero que se esqueceu de aplicala. E unha reivindicación fundamental é que non queremos pensións privadas", asegurou Lola Clemente, portavoz da Plataforma de Almansa pola Defensa do Sistema Público de Pensións.

Reclaman ademais unha auditoría da Seguridade Social. Denuncian que se teñen desviado nos últimos 20 anos medio billón de euros das cotizacións dos traballadores para cubrir outros gastos diferentes das pensións.

Noticias web

16/10/2021