CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas piden en Oviedo a oficialidade do asturiano e do galego local

Publicado o 16/10/2021 21:15

Milleiros de persoas manifestáronse esta mañá en Oviedo para reclamar a oficialidade das linguas que se falan na comunidade: o asturiano e o galego-asturiano. Piden que sexa un dos puntos da reforma do Estatuto de Autonomía e que se tramite despois unha lei de normalización.

Hai xa 40 anos que a Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana reclama a igualdade de dereitos lingüísticos para toda a cidadanía do Principado. Hoxe milleiros de persoas esixiron a oficialidade do asturiano e o galego-asturiano para que os seus falantes teñan recoñecido legalmente o seu dereito a coñecer e usar calquera das dúas linguas ao mesmo nivel que o castelán. Piden que se fixen os termos e os ámbitos do seu uso oficial nunha lei de normalización e que ningunha persoa poida ser discriminada pola lingua que fale.

Actualmente apoian a oficialidade 26 dos 45 deputados asturianos. Suman os votos a favor do PSOE, Podemos e Izquierda Unida e en contra da reforma do estatuto xa se manifestaron os deputados do PP, Ciudadanos, Vox e un dos membros de Foro Asturias. Que saia adiante a reforma dependerá do voto do outro deputado de Foro, o seu portavoz Adrián Pumares, que de momento se manifestou "aberto a recoñecer unha oficialidade baseada na voluntariedade."

Noticias web

16/10/2021