CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas na manifestación feminista galega en Lugo

Publicado o 04/03/2019 10:12

"Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista", este é o lema da manifestación. Unha revolta necesaria tendo en conta as cifras obxectivas: comezando polo ámbito do traballo, só seis países no mundo, todos eles europeos e entre os que non está España, garanten os memos dereitos laborais para homes que para mulleres; o desemprego segue sendo maioriatiamente feminino e a fenda salarial anda arredor do quince por cento.

Maite Ferreiro, da Plataforma Feminista de Lugo: "Seguimos cobrando salarios máis baixos, traballos en precario, sen conciliar, sen representación nos centros de poder, as coidadoras, as que despois do traballo fan os traballo da casa".

A necesidade de acabar coa violencia machista foi outra das constantes da manifestación. Os datos oficiais recollen que o ano pasado houbo 47 asasinatos machistas en España, pero as asociacións falan de máis vítimas que non recollen os datos oficiais.

Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero, cre que hai que ampliar a perspectiva sobre a violencia, que non é só o maltrato fisico, psíquico e verbal que sofre a muller dentro da parella, senón que as mulleres tamén son discriminadas, agredidas, violadas e asasinadas por homes cos que non teñen vínculo; mulleres que só cometeron o delito de seren mulleres e de saír facer deporte, ir ao supermercado ou divertirse.

Ana Torrón, voceira de Galegas 8-M: "Polo momento político tan delicado que estamos vivindo, que pendemos dun fío para perder os noso dereitos, con tantas mulleres que perderon a vida para loitar polos nosos dereitos... somos responsables, pero tamén polas nosas nenas, nin un paso atrás".

Membros dos principais partidos acompañaron os milleiros de manifestantes que remataron coa lectura dun manifesto da escritora María Reimóndez e da independentista María Osorio. As caboverdianas Batuko Tabanka pecharon os actos previos ao oito de marzo, folga xeral de mulleres.

Noticias web

04/03/2019