CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas reclaman en Vigo máis recursos para a sanidade pública

Publicado o 01/10/2021 08:56

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública. Milleiros de persoas pediron máis recursos e persoal, especialmente para os centros de saúde. A manifestación foi convocada pola xunta de persoal da área sanitaria de Vigo. Estivo encabezada por dous lemas: "En defensa da sanidade pública" e "A sanidade non se vende, deféndese".

Entre os manifestantes había plataformas en defensa da sanidade pública chegadas de numerosos municipios da comarca como O Rosal, A Guarda ou Tomiño, así como sindicatos e outros colectivos.

A marcha percorreu a Gran Vía e Urzaiz e rematou en Colón, onde leron o manifesto denunciando a masificación da Atención Primaria en Vigo. Din que superan con moito o límite de 30 doentes ao día e que hai longas listas de espera. Unha situación, din, que se agravou coa pandemia.

Apoiaron a marcha o alcalde de Vigo, varios concelleiros socialistas e tamén do BNG e de Esquerda Unida.

Comunicado do Sergas

O Sergas respondeu nun comunicado, reafirmando o seu compromiso coa área sanitaria. Din que ten este ano o orzamento máis alto da historia e que a ratio de doentes por médico está por baixo das recomendacións do ministerio.

Noticias web

01/10/2021