CRTVG

Buscar

Milleiros de españois saen ás rúas de festa pola fin das restricións máis duras

Publicado o 09/05/2021 11:54

Milleiros de cidadáns botáronse ás rúas galegas e de toda España pasada a medianoite para celebrar a fin do toque de recollida vixente durante o estado de alarma. Sen grandes sobresaltos na maioría dos casos, pero con euforia e algún comportamento sen control noutros.

España levantou o estado de alarma e os cidadáns decidiron saír a festexalo. En Madrid, Salamanca, Sevilla, Valencia ou Barcelona houbo mesmo aglomeracións considerables nalgunhas prazas e rúas. Celebracións anticipadas dun San Isidro no caso de Madrid, dun San Xoán ou dunha Noitevella tamén adiantada. Na medianoite nalgúns lugares mesmo houbo petardos, cánticos e coches pitando.

En Barcelona a Garda Urbana actuou para desaloxar un macrobotellón nunha das prazas do centro da cidade.

Había ganas de estar nas rúas e en Galicia, na Coruña, en Vigo ou en Ourense enchéronse as terrazas. Despois da festa quedan agora dúbidas e mesmo a inquietude ante posibles rebrotes do virus polo que tampouco cesan as chamadas á responsabilidade individual desde todas as esferas, sexan políticas ou científicas.