Milleiros de británicos protestan contra o peche do Parlamento
No Reino Unido, as rúas de oitenta cidades viviron hoxe protestas contra a decisión do primeiro ministro, Boris Johnson, de suspender o parlamento inglés durante cinco semanas. As mobilizacións volverán o martes, cando un tribunal escocés decida sobre as demandas dun grupo de deputados proeuropeos para bloquear a suspensión.
Son imaxes de Londres, onde a mediodía viviron a maior das oitenta manifestacións convocadas hoxe noutras tantas cidades do Reino Unido. Milleiros de persoas amosaron así o seu rexeitamento á decisión do primeiro ministro, Boris Johnson, de suspender durante cinco semanas a actividade do parlamento inglés, unha medida coa que pretende restarlles opcións aos deputados contrarios á saída á brava da Unión Europea... Esta manifestante en Manchester lémbralle que no referendo de hai tres anos "ninguén votou polo que está sobre a mesa agora".
Estoutro, en Londres, salientou que o" parlamento foi pechado claramente para impulsar unha axenda coa que moita xente non está de acordo". A xornada de hoxe, convocada polo colectivo Outra Europa é Posible, e secundada por Momentum, de filiación laborista, terá segunda parte xa este martes. Ese día, o Tribunal de Sesisóns de Edimburgo resolverá a petición dun grupo de parlamentarios proeuroeos de bloquear a suspensión. Tamén no horizonte inmediato, o líder laborista, Jeremy Corbyn, debe decidir se presenta unha moción de censura para tombar a Johnson.