CRTVG

Buscar

O independentismo maniféstase dividido nunha Diada cunha mobilización menor

Publicado o 11/09/2021 21:15

A manifestación celebrouse baixo o lema "Loitemos e gañemos a independencia". É a primeira desde os indultos aos políticos condenados no proceso soberanista e a segunda en pandemia, aínda que sen as restricións do ano pasado. A entidade convocante, a Asemblea Nacional Catalá fretou 200 autocares a Barcelona, lonxe dos máis de 1.000 contratados en 2019. Os organizadores aseguran que participaron 400.000 persoas. A Garda Urbana, 108.000. Ao pasaren diante da xefatura de policía algúns manifestantes botaron papel hixiénico. Pouco despois, cando xa finalizou a marcha, axentes antidisturbios tiveron que intervir para dispersar os concentrados

A celebración da Diada mostrou a división interna dentro do independentismo sobre como afrontar a mesa de diálogo co Goberno do Estado. ERC vea coma unha oportunidade para reclamar o dereito de autodeterminación nun marco oficial e estable. Os seus socios de Junts per Cataluña cren que é unha perda de tempo.

"Temos que traballar xuntos, o adversario non é o independentista da nosa beira, é o Estado español que hai tempo que só ten unha solución, represión para o independentismo", di ERC.

"Como dixen, afrontamos esa mesa de diálogo con escepticismo, froito dos incumprimentos do Estado español", aseguran en JxCat.

Este día nacional de Cataluña finalizará co acto institucional da Generalitat que se celebra a partir das dez da noite en Montjuic.

Noticias web

11/09/2021