A protesta en Colón, sen foto conxunta dos líderes políticos, clama contra os indultos
Había miles de persoas na praza de Colón antes das doce da mañá e, de feito, a organización comunicaba minutos antes que o lugar estaba completo. A policía pechaba os accesos e iso xerou tensión con xente que se amoreaba en rúas próximas como Goya ou Serrano. Nesta ocasión, a ocupación era máis reducida ca na última gran concentración para manter unhas distancias de seguridade moi complicadas nestes casos. Entre o público, moitas bandeiras de España e contadas pancartas.
O líder do PP Pablo Casado comparecía diante da sede de Xénova, na confluencia coa propia praza, e lembraba que Sánchez se opoñía no pasado aos indultos políticos. "Pedímoslle a Pedro Sánchez que non venda a soberania nacional, a unidade nacional, a seguridade dos españois por un puñado de votos, por seguir na Moncloa uns meses máis. Pedimos que mire á cara aos españois e que lles explique por que lles quere roubar unha parte da súa nación, por que quere que uns españois teñan distintas obrigas e dereitos ca outros", declaraba Casado.
Díaz Ayuso preguntaba, a carón de Casado, se o Rei asinará os indultos e dicía que o van facer cómplice. En distintos puntos falaban ante os medios os líderes de Vox e Ciudadanos. Nesta ocasión foi imposible a foto conxunta.
"Os indultos son, en primeiro lugar, unha traizón a todos os cataláns que padeceron o golpe separatista de 2017 e que foron abandonados ao separatismo", afirmaba Santiago Abascal. "O señor Sánchez presentouse ás eleccións nacionais dicindo que non ía indultar os golpistas, dicindo que se ía cumprir a sentenza de maneira íntegra e iso é o que estamos aquí esixindo: que Sánchez cumpra a súa promesa", procalamaba Inés Arrimadas.
Finalmente, producíronse varias intervencións, que comezaron co escritor Andrés Trapiello e incluíron a Rosa Díez, líder da plataforma convocante. Coincidiron en que os indultos supoñen un ataque á igualdade ante a lei e á Constitución. A delegación do Goberno cifrou en 25.000 os participantes e na organización lembraban que quedaron miles de persoas sen poder acceder a Colón.