Mil ollos para vixiar o paso da Volta Ciclista a España en Galicia
Pouco máis de dez segundos é o que lle leva pasar por un punto á Volta Cicilsta, e nese escaso tempo todo ten que estar previsto e coordinado para que non haxa incidente ningún. É precisamente o cometido da Unidade de Mobilidade e Seguridade Viaria da Garda Civil que este ano mobilizou 130 axentes, oito deles galegos.
"A unidade o que fai é garantir a seguridade viaria durante todo o percorrido. Naqueles puntos de aglomeración de público, coma portos de montaña onde a xente se poida xuntar, levamos unha unidade do grupo de reserva e seguridade, que son os encargados da seguridade pública, e o resto da unidade, que é o dispositivo da agrupación de tráfico, o obxectivo é garantir a seguridade viaria", comenta Javier Barja, Tenente da Garda Civil de Tráfico.
A Unidade de Mobilidade planifica antes da saída de cada etapa os puntos máis conflitivos da ruta e se non hai novidades, o equipo queda operativo para traballar.
Os sesenta e tres motoristas serán os que se adiantan para ir cortando o tráfico e sinalizando os cruzamentos para garantir a seguridade dos ciclistas mediante bandeiras e procedementos acústicos.
"Os ciclistas o que fan é atender aos chifres, e cando pitas levantan a testa. Guíanse pola sinalización e vanse metendo", relata Daniel Faure, garda civil de Tráfico da Coruña.
O apoio aéreo axuda a identificar as zonas con aglomeracións de xente, como os portos de montaña ou as chegadas, onde o público pode dificultar o paso dos ciclistas. E aí onde entran os membros da Agrupación de Reserva e Seguridade.
"O que procuramos -relata José Ángel Senín, da Agrupación de Reserva e Seguridade,- é que haxa seguridade: que non haxa accidentes, que a xente non se bote ao pelotón, que non haxa problemas. Máis que nada é cuestión de seguridade".
Coa etapa asegurada xa só queda gozar do espectáculo e do esforzo dos ciclistas que concluirán a edición deste ano da Volta este serán en Santiago de Compostela.