Un milleiro de fogares galegos seguen sen luz
Un milleiro de fogares galegos, principalmente na provincia de Ourense, seguen sen subministración eléctrica por mor das incidencias derivadas do temporal dos últimos días. Fontes de Naturgy explican que estes son os últimos datos actualizados da tarde do luns e que agardan que descenda o número de afectados nas próximas horas.
Comarcas ourensás como a do Ribeiro e municipios como o do Carballiño son algúns dos sitios nos que se atopan fogares sen subministración. As brigadas, operadores de rede e plataforma telefónica de UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, traballan na resolución de todas as incidencias que provocou o paso do temporal Fabien.
Na maior parte, foron causadas pola caída de árbores, ramas e cortizas sobre as liñas. Para atender os fogares afectados e recuperar canto antes a normalidade, mobilizáronse nas últimas horas arredor de 600 persoas entre brigadas, operadores de rede e da plataforma telefónica.
En moitos casos os usuarios vense desbordados. Ese é o caso de Pili, que comparte desesperación coa súa nai e socia na explotación. Arita tamén ensina todo o que ten no conxelador. Mataron hai quince días oito porcos, e non sabe en que condicións estará a carne. Na mesma situación están outra trintena de fogares do rural da provincia de Lugo, onde xa só quedan por resolver as incidencias en baixa tensión.
Na provincia de Ourense é onde segue habendo os maiores problemas, xa que aínda quedan uns mil veciños sen subministro e hai incidencias na media tensión.
Está previsto que os operarios continúen traballando arreo para restablecer totalmente o subministro.