CRTVG

Buscar

Miguel Otero: "España pagará as consecuencias económicas durante unha década"

Publicado o 31/03/2020 10:39

Ademais da crise sanitaria está tamén a crise económica sen saber o seu alcance. O que si estamos constatando é a resposta do Goberno, dalgunhas grandes empresas e tamén da unión Europea.

Miguel Otero Simón é director do mestrado de Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC.

"Isto vai ser un fito. Eu só podía comparar esta crise co crack do 29 ou coa Segunda Guerra Mundial, en termos económicos. Fará historia e servirá de exemplo para ver como os diversos países trataron e enfrontaron a crise".

"Non todos os países da Unión Europea teñen a mesma postura. A cuestión neste caso é como se resolve a crise. Vou poñer de exemplo dous países que xa saíron da crise: O Xapón e Corea do Sur".

"Corea do Sur optou polo confinamento e paralizou ou, cando menos, ralentizou as actividades económicas. No caso do Xapón, non se fixo confinamento e seguiuse traballando como se non houbese crise. Houbo diminución nas actividades de lecer, pero seguiuse adiante".

"Os resultados sanitarios están á vista. O Xapón tivo menos mortos malia ser un país de moita máis poboación. E a paralización da economía no Xapón non se produciu coa intensidade de Corea do Sur".

"Isto alértanos das consecuencias que pode haber en España e que imos pagar na seguinte década".

"Europa sempre avanzou nas crises. As crises históricas motivaron a integración en distintos ámbitos. Para mitigar a crise o importante é a liquidez, barra libre en liquidez".

Noticias web

31/03/2020