CRTVG

Buscar

Miguel Ángel Santalices pide prudencia fronte á covid e que a cidadanía cumpra coas medidas

Publicado o 08/01/2021 11:17

O próximo martes, o Parlamento de Galicia retomará os seus traballos logo do período de Nadal. É un dos piares da nosa autonomía e, polo tanto, do Estado, onde se traballa constantemente, aínda que, ás veces, a cidadanía só se quede cos momentos de debate intenso e de confrontación.

Miguel Ángel Santalices é o presidente e destaca que o Parlamento de Galicia goza dun bo estado de saúde desde que se iniciou a lexislatura. A actividade parlamentaria foi importante e aprobáronse leis como a da ordenación do territorio ou a de pesca continental. 

Santalices valora o consenso parlamentario do que vai de lexislatura porque entre todos os parlamentarios buscan o mellor para as persoas.

En canto a lei de saúde, que está en trámite de ponencia, o presidente destacou que os grupos políticos e mesmo a cidadanía poden facer as propostas que se consideren. Anima a xente a súa participación.

O presidente do Parlamento recolle o anecdotario do traballo no Parlamento nun caderno. Foi durante o confinamento onde comezou a recompilar as súas vivencias.

Como médico destacou o esforzo que realizou a comunidade científica para ter varias vacinas contra o coronavirus en tan pouco tempo. Cre que ao principio houbo unha falta de anticipación á pandemia e que non se valorou o impacto que ía ter na poboación. Destacou que o presidente da Xunta se puxo á fronte dun xeito inmediato. Pídelle á cidadanía máxima prudencia e que cumpran coas medidas das autoridades sanitarias.

En canto á comisión das caixas que se volveu abrir no Parlamento, Santalices subliñou que hai que recoller a información dos novos feitos e tratar de plasmalo nunha conclusión.

 

Noticias web

08/01/2021