Miguel Anxo Murado: "Johnson pretende negociar utilizando a saída sen acordo para meterlle presión á UE"
O xornalista Miguel Anxo Murado visitou este martes o estudio do Bos días para falar sobre o brexit e a súa incidencia no mundo.
"Non estou de acordo coa idea de que o referendo foi un cúmulo de despropósitos, foi un referendo coma calquera outro. Gañou o que non nos gusta que gañara. Houbo falsidades por ambas partes, como sucede nas campañas electorais de todo tipo. Un dos principios fundamentais da democracia é que hai que aceptar os resultados dos referendos. É normal que nós teñamos pouca simpatía polo brexit porque nos prexudica, pero hai que entender que o resultado foi o que foi e que é lexítimo", asegurou o xornalista.
En canto aos plans de Johnson, Miguel Anxo Murado dixo que "o que pretende Boris Johnson é negociar utilizando como carta a saída sen acordo para desta maneira meterlle presión á Unión Europea. Unha saída sen acordo desde logo prexudicaría moito o Reino Unido, pero tamén á Unión Europea. A esperanza de Boris Johnson é que temendo iso a UE negocie dunha maneira máis xenerosa. Eu penso que é unha fantasía por parte de Johnson, é improbable porque nas negociacións hai elementos personais, e agora mesmo para os negociadores europeos hai un incentivo moi pequeno para chegar a un acordo".
E sobre o significado da neutralidade de Jeremy Corbyn, Miguel Anxo Murado di que "Jeremy Corbyn é contrario á Unión Europea, foi sempre un euroescéptico. Pero agora está ao mando dun partido que na súa maioría é partidario de permanecer. Non é unha maioría enorme, hai un terzo dos votantes laboristas que son totalmente partidarios do brexit, e o problema de Corbyn é que eses votantes están concentrados nas áreas máis importantes electorais do partido laborista".
En canto a Irlanda: "O acordo de paz en Irlanda depende de que Irlanda e Gran Bretaña sigan estando na Unión Europea, e isto é razoable porque suaviza moito a fronteira entre Irlanda do norte e Irlanda do sur. O que pasa é que a fronteira existe, son dous países distintos. Ese é o problema, que está bloqueando todo".