"O meu fillo non estaba armado", asegura o pai do home atrincheirado 36 horas na casa familiar de Outeiro
Entregouse á policía o home atrincherado na casa en Vilagarcía. A localidade vilagarciá de Outeiro de Cea retomou a súa rutina cotiá despois de ser foco de atención mediática durante 36 horas.
Foi o tempo que estivo Víctor Paulos utilizando a casa damiliar como forte para que non o detivera a policía o domingo ao serán. Seu pai relata que foi el e a ex-parella de Vítor quen pediron axuda da policía, porque Víctor estaba borracho mentres coidaba o seu fillo, menor de idade.
Victoriano Paulos, pai do home atrincheirado explica: "Veu a nai. Levou o rapaz, o meu fillo subiu para a casa e non saíu máis.
-Por que veu a policia entón?
Porque os chamou a nai e mais eu. Eu e mais ela, para que se calmase. Foi para enriba e non saíu máis á rúa. Foi o único que pasou. Non pasou nada de que tiña escopeta, nin pistola, nin que estaba a nai no corredor. Nin nada. Esas cousas molestan a calquera familia".
Víctor, de 44 anos de idade, pasou os últimos nove en prisión. Saíu en liberdade hai uns meses tras unha condena por agredir a seu pai. Preguntámoslle a este como estaba seu fillo cando saíu pola mañá para entregarse.
O pai do home atrincheirado na casa familiar de Outeiro responde: "Moi mal. Tres días sen comer. É un rapaz que se asea tres, catro veces ao día. É un chaval excelente, pero cando se emborracha ten un temperamento como o pai. Con iso dígollo todo. Pero está mal. Dóelle o peito. Fuma moito. Bebe moito. Xúntase con quen non debe. É o que hai".
A policía presentou a Víctor Paulos ante a autoridade xudicial como presunto autor de desobediencia á autoridade e malos tratos ao seu proxenitor e ao fillo.
Victoriano entregou esta mañá a súa escopeta de caza no cuartel da Garda Civil.