Mesturar Pfizer e AstraZeneca é seguro e aumenta a resposta inmune fronte á covid-19
• Un estudo do Instituto Carlos III avala a combinación de soros e Saúde Pública podería optar hoxe por esta opción
• A Xunta aposta por poñer a segunda dose de AstraZeneca | Voces da comunidade científica insisten na seguridade da vacina británica
As persoas menores de 60 anos vacinadas cunha primeira dose de AstraZeneca que recibiron unha segunda de Pfizer aumentaron a resposta inmunitaria fronte á covid-19. Ademais, non se incrementaran os efectos secundarios coñecidos, na súa inmensa maioría leves e moderados.
Os resultados preliminares do estudo CombivacS, impulsado polo Instituto de Saúde Carlos III, confirman que mesturar ambas as marcas é seguro e eficaz.
A principios de abril, Sanidade tomara a decisión de vacinar con AstraZeneca só maiores de 60 anos pola aparición de eventos trombóticos "moi raros", sobre todo, en persoas de menor idade, seguindo o exemplo doutros países europeos como Francia ou Alemaña.
Esta restrición provocou que moitas persoas menores de 60 anos cunha dose de AstraZeneca non puidesen recibir a preceptiva segunda inxección. Son, principalmente, persoal considerado esencial, como mestres ou forzas de seguridade.
O ensaio realizouse en cinco hospitais españois: A Paz de Madrid, o Clínico San Carlos de Madrid, o Vall d'Hebron de Barcelona, o Clinic de Barcelona e o Cruces de Biscaia. O Centro Nacional de Microbioloxía, pola súa banda, tamén colaborou como laboratorio de análise central do estudo.
Neste ensaio clínico fase 2, comparativo, randomizado e adaptativo, participaron 676 pacientes de diferentes grupos de idade e rexións de España que recibiron unha soa dose de AstraZeneca e van dos 18 aos 59 anos.
Dividíronse en dous grupos: un de 226 que recibiu a dose "inmediatamente" e outro de 450 que a recibiu tras 28 días. Os resultados presentados este martes son os analizados aos 14 días despois de recibiren a dose de Pfizer.