Messi, presentado no PSG: "A saída do Barcelona foi dura, pero a miña felicidade aquí é enorme"
EFE
Leo Messi, novo xogador do París Saint-Germain (PSG), constatou que se sentiu moi feliz nada máis chegar á capital francesa e agradeceu o empeño do PSG para fichalo despois de "unha dura saída" do Barcelona.
"Estou moi feliz. Todos sabedes da miña saída do Barcelona, onde foi moi duro, son moitos anos, é difícil o cambio despois de tanto tempo, nada máis chegar acá a felicidade é enorme", dixo nas súas primeiras palabras como parisiense na sala de prensa do estadio do Parque dos Príncipes.
Tamén agradeceu o empeño da dirección do PSG para fichalo, porque "non era fácil". O arxentino, de 34 anos, congratulouse de compartir vestiario cos "mellores do mundo" na súa posición, en alusión aos seus novos colegas Neymar e Kylian Mbappé, entre outros. Messi, que deixou o Camp Nou despois de 17 tempadas no primeiro equipo do Barcelona, dixo que foi moi importante o propio Neymar, co que garda relación de amizade desde que coincidiron no Barca (2013-2017), ademais dos seus compatriotas Angel di María e Leandro Paredes. "Iso fixo moito para poder vir aquí", asumiu.
Así mesmo, referiuse ao gran anhelo do PSG, a liga de Campións, e opinou sobre o que hai que ter para gañala (Messi ten catro). "Hai veces que se pode ter o mellor equipo do mundo e non gañar, ás veces pequenos detalles déixanche fóra, e sabemos o difícil que é a Champions, o PSG tendo un equipazo non o puido conseguir", explicou Messi, quen incidiu en que é necesario "un pouquiño de sorte" e "un bo grupo".
Sobre un posible reencontro co Barcelona en Champions, dixo que sería "lindo volver a Barcelona", pero detallou que será tamén "raro". "Isto é fútbol e todo pode pasar, veremos", pechou. Acerca dun debut coas cores do PSG, non deu unha data e dixo que debe facer unha minipretemporada (acabou a Copa América en xullo) e falar co corpo técnico para medir sensacións.