Merkel cre que ata o 70% dos alemáns se infectarán co coronavirus
• O BCE advirte dunha posible crise como a de 2008
O coronavirus resucita o risco de crise económica. O Banco Central Europeo advirte de que caeremos nunha recesión como a de 2008 se a Unión Europea non toma máis medidas. E faino tan só horas despois de que a Comisión anunciara que vai mobilizar 25.000 millóns de euros para combater os efectos. E hai pouco escoitabamos a alerta de Angela Merkel.
Angela Merkel apelou á responsabilidade de cada individuo. A chanceler foi moi rotunda: di que o virus está aquí, non hai vacina, así que un 70 por cento dos alemáns poden infectarse. A súa advertencia súmase á do Banco Central Europeo, que di que a crise económica pode ser similar á do ano 2008 se non se actúa con contundencia.
A chanceler alemá Angela Merkel mostrou este mércores a súa disposición para flexibilizar o respecto do principio de "déficit cero" para poder atallar a "extraordinaria situación" da epidemia de coronavirus, non saturar o sistema sanitario e manter na medida do posible a actividade económica.
Merkel realizou estas declaracións sobre a disciplina orzamentaria no seu país na súa primeira comparecencia monotemática sobre a epidemia do novo coronavirus. Alemaña é o sétimo país máis afectado do mundo, cuns 1.300 infectados e tres mortes ligadas ao COVID-19.
"Faremos o necesario para superar esta situación", indicou a chanceler, que agregou: "E logo veremos que significa isto para o noso orzamento".