CRTVG

Buscar

Merkel confirma a suspensión da vacinación con AstraZeneca a menores de 60 anos

Publicado o 30/03/2021 22:22
Merkel confirma a suspensión da vacinación con AstraZeneca a menores de 60 anos

A chanceler alemá, Angela Merkel, xustificou a decisión de suspender en Alemaña a administración da vacina AstraZeneca a menores de 60 anos nas recomendacións emitidas polos expertos, "que non podemos ignorar", e ante os "riscos" dos seus efectos secundarios, incluídas tromboses. "Hai, afortunadamente, suficientes vacinas á nosa disposición para poder adoptar esta decisión", afirmou a líder alemá, tras a reunión mantida cos líderes rexionais e titulares de Sanidade do Goberno federal e os Lander.

A medida segue a recomendación da Comisión Permanente de Vacinación (Stiko), fundamentada en "datos existentes sobre efectos secundarios que son raros, pero graves", pero contempla, con todo, a posibilidade de aplicar a vacina a menores desa idade tras unha "avaliación individual de cada caso".

A decisión implicará unha "reestruturación" na campaña de vacinación; a vacina de produción británico-sueca non se aplicará máis que de maneira excepcional e previo análise individualizada a grupos por baixo desa idade, no que entra persoal sanitario e outros sectores esenciais. "É esencial manter o principio da confianza. E só pode haber tal confianza cando se analiza minuciosamente toda sospeita ou risco individual", engadiu a chanceler. 

Os efectos secundarios poden manifestarse entre 4 e 16 días despois de serlles administrada unha dose, segundo Stiko. Os expertos advertiron, a través dun comunicado, de que eses efectos secundarios poden manifestarse entre 4 e 16 días despois de serlles administrada unha dose a persoas de menos de 60 anos.

A reunión entre Merkel, os líderes rexionais e os titulares de Sanidade do goberno federal e dos 16 Lander convocouse despois de que varios estados federados -empezando pola capital e cidade-estado, Berlín- optasen por suspender a administración desa vacina aos menores de 60 anos. A propia Merkel pronunciouse o domingo en contra doutra reunión cos líderes dos Lander antes de Semana Santa, tras lanzar duras críticas a algúns poderes rexionais por non apican co rigor debido as restricións previamente consensuadas, mentres aumentan os contaxios.

Á decisión do Goberno rexional berlinés seguiu a suspensión desa vacina a menores de 60 anos en Múnic, Brandeburgo -o Land que rodea a capital- e Renania do Norte- Westfalia (oeste).

Dilek Kalayci, responsable de Sanidade do Goberno rexional de Berlín, xustificou a súa decisión na existencia de novos datos sobre efectos secundarios do preparado. Un dos grandes hospitais de Berlín, a Charité, comunicara que "aínda que non houbo complicacións tras as vacinacións con AstraZeneca", quería actuar como precaución.

Sumouse a esa postura o grupo de clínicas Vivantes, onde foron vacinados co soro da farmacéutica anglo-sueca miles dos seus traballadores. Na Charité están empregadas unhas 19.000 persoas, mentres que as clínicas Vivantes -que ademais xestionan residencias para a terceira idade- empregan a unhas 17.000.

Segundo estimacións de medios berlineses, na Charité foi vacinados dous terzos do persoal, o 70 % deles coa vacina de AstraZeneca. O Instituto Paul- Ehrlich, centro de referencia para a vacinación en Alemaña, detectou, segundo o semanario "Der Spiegel", 31 casos de tromboses en persoas que recibiron a vacina de AstraZeneca, nove das cales faleceron.

Do mesmo xeito que noutros países europeos, a vacinación con AstraZeneca suspendeuse temporalmente en Alemaña unhas semanas por dúbidas sobre os seus efectos secundarios, pero renovouse o 19 de marzo. Segundo datos do RKI, recibiron esa vacina uns 2,7 millóns de persoas en Alemaña. Ata o de agora, no país recibiu a primeira dose, entre o conxunto de vacinas autorizadas, un 10,8 % da poboación; un 4,8 % recibiu tamén a segunda. 

Noticias web

30/03/2021