CRTVG

Buscar

Merkel aborda co xefe de BioNTech a liberación de patentes

Publicado o 07/05/2021 10:48
Merkel aborda co xefe de BioNTech a liberación de patentes

A chanceler alemá, Angela Merkel, abordou persoalmente co fundador e xefe da farmacéutica BioNTech, Ugir Sahin, a liberación de patentes da vacina contra a covid-19.

Segundo o semanario Der Spiegel, este xoves falaron telefonicamente e ambos os dous coincidiron na necesidade de buscar outras fórmulas para fornecer os países pobres da vacina e garantir o seu acceso en posibles pandemias futuras.

O Goberno alemán xa manifestara o seu escepticismo ante a posibilidade de liberar as patentes como vía para acelerar a loita contra a covid-19 en todo o mundo. Considérao contrario á protección da propiedade intelectual.

A reacción de Berlín produciuse logo do inesperado apoio a esta medida do presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, tal e como veñen reclamando varios países afectados.

A iniciativa de Washington secunda a proposta xurdida na India e Suráfrica, recibida con satisfacción pola Organización Mundial da Saúde (OMS), pero con cautela na Comisión Europea.

Alemaña considera que o camiño para que os fármacos cheguen a todas partes pasa polo Fondo de Acceso Global para Vacinas Covid-19 (Covax), ao que contribúe con determinación.

A propia chanceler e o presidente da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, anunciaron esta semana a creación dun novo Centro de Intelixencia para Pandemias e Epidemias, que terá a súa sede na capital xermana. O seu obxectivo será responder a futuros desafíos e crises sanitarias.

Alivio de restricións para grupos inmunizados

O Parlamento alemán deulle o visto e prace á normativa que aliviará as restricións para a cidadanía inmunizada contra a covid-19, sexa porque recibiron a pauta completa da vacina ou porque superaron a enfermidade.

Un día despois da súa aprobación na cámara baixa (Bundestag), cos votos da gran coalición de Goberno e cos dos opositores Verdes e A Esquerda, a norma ratificouse este venres no Consello de representación territorial (Bundesrat), co que poderá entrar en vigor esta fin de semana.

Estas persoas quedan liberadas de presentaren un test negativo para acceder a comercios, salóns de peiteado ou museos. As que completaron a vacinación deben agardar quince días tras a segunda dose e as que pasaron a doenza, 28 días logo de dar negativo.

Do mesmo xeito, levántanse para estes grupos as limitacións nas xuntanzas privadas e o toque de queda nocturno, implantado nas zonas de alta incidencia de contaxios. Tampouco deberán gardar corentena ao regreso dunha viaxe ao estranxeiro.

Estes alivios afectan case once millóns de persoas, segundo datos das autoridades sanitarias (7,3 millóns que completaron a vacinación e 3,5 millóns que se consideran recuperadas).

Vacinación acelerada

A rápida tramitación desta normativa discorre en paralelo á aceleración da campaña de vacinación e o descenso continuado da incidencia de novos contaxios.

O ministro de Sanidade, Jens Spahn, acordou a liberación do fármaco de AstraZeneca da orde de prioridades, de xeito que a partir de agora calquera poderá pedilo.

A vacina británico-sueca pasou a ser administrada de xeito xeneralizado só a maiores de 60 anos a finais de marzo. A mediados de abril abriuse a posibilidade de inxectala tamén a menores desa idade, aínda que previa consulta ao médico de cabeceira.

O obxectivo do Goberno alemán é lograr que para xullo se lle ofreza a posibilidade de vacinarse a toda a poboación adulta que o desexe. A principios de ano, Merkel estimaba que ese obxectivo ía cumprirse cara a finais do verán, é dicir, o 21 de setembro.

A campaña de vacinación empezou a acelerarse en abril. Ata este xoves, recibiran polo menos a primeira dose 26,2 millóns de persoas (un 31,5 % do total da poboación), mentres que 7,3 millóns (un 8,8 % do total) ten a pauta completa.

A semana pasada alcanzouse o récord de 1,1 millóns de doses inxectadas nun só día. Nas xornadas seguintes, baixouse a uns 800.000, mentres que o mércores se superou de novo a marca do millón.

A incidencias segue á baixa

Arestora, a incidencia acumulada a sete días sitúase no conxunto do país nos 125,7 novos  contaxios por cada 100.000 habitantes. O pico alcanzouse o 22 de decembro, con 197,6 casos.

O nivel de incidencia a partir do que se activan restricións como o toque de queda nocturno está nos 100 casos semanais por 100.000 habitantes. Nun de cada catro distritos alemáns baixouse xa dese nivel. En Berlín, a media é agora de 98,6.