Mergulladores, embarcacións e un helicóptero buscan o desaparecido en Rande
Segunda xornada de busca do condutor desaparecido na ría de Vigo tras abandonar na madrugada do domingo o seu vehículo en marcha na ponte de Rande. Neste operativo participan especialistas subacuáticos da Garda Civil, varias embarcacións e o helicóptero da Benemérita. Desta volta, a busca centrouse na zona de Rande máis próxima a Domaio, ante a posibilidade de que se precipitase á auga.
Nova xornada de busca baixo a ponte de Rande para tentar dar co paradoiro do condutor que abandonou en marcha o seu coche e desaparecía na madrugada do domingo.
Dende ben cedo, os GEAS, o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil, procedentes da Coruña, embarcaban no peirao de Vigo para comezar unha nova xornada que se apoia dende o mar con dúas embarcacións e dende o aire co helicóptero da Benemérita.
Porque a deste martes vai ser unha busca centrada na zona onde puido ser visto por última vez. O seu coche apareceu en sentido Vigo nun dos carrís centrais da ponte sobre as tres da medrugada.
Agardan que a visibilidade sexa boa. Neste punto da ría de Vigo as correntes son perigosas, pero aínda o é máis a profundidade á que terán que somerxerse.
Son moitas as hipóteses que se barallan. Entre elas, que puidese quedar amarrado a unha das cordas dalgunha batea. De feito onte, a busca centrouse nesta zona de polígonos. E niso centraranse ao longo desta xornada, polo menos ata que a luz do sol llelo permita.