Mercando de última hora para os menús de Nadal: a covid tamén vai no carro da compra
Hai moita xente que agarda ata o último día para comprar os produtos frescos que van poñer nas mesas nas ceas de Noiteboa. No mercado, a xornada de hoxe adoita ser de moito tránsito, e este ano, a pesar da excepcionalidade dos tempos, non é unha excepción.
Na praza da abastos de Santiago víase este mércores como os postos de peixe e marisco eran os que máis público reunían. Neles, as dependentas e os dependentes falaban de prezos similares a outros anos, máis encargas, compras máis pequenas, condicionadas polas limitacións establecidas para as reunións familiares, e tamén de moitas persoas que deixaron para o último día a configuración do seu menú. A causa, tamén a pandemia, non saber ata última hora canta xente se reuniría para cear esta noite ou comer mañá fixo que agardasen para decidir que comprar.
Entre os produtos estrela, e tamén os máis caros, os percebes e os camaróns.