CRTVG

Buscar

Mensaxe de tranquilidade sobre as vacinas tras a advertencia aos alérxicos

Publicado o 09/12/2020 21:15

Os dous sanitarios británicos tiñan un historial de alerxias severas. Tras recibir a primeira dose da vacina sufriron unha reacción anafiláctica.

"Implica diferentes órganos que poden ser a pel, o aparello respiratorio, o sistema vascular, o dixestivo... Cando afectan o aparello respiratorio e vascular é cando se consideran anafilaxes graves, de risco vital", explica Carlos González de la Cuesta, xefe da Unidade de Alerxia do CHOU.

Arestora, recupéranse tras recibir o tratamento axeitado. As autoridades británicas recomendan, como medida de precaución, que as persoas con alerxias importantes non participen nesta campaña. Mentres, España agarda o visto e prace da Axencia Europea do Medicamento para comezar a vacinar. En liñas xerais, a comunidade científica amósase optimista cos resultados e quere enviar unha mensaxe de tranquilidade.

"As axencias reguladoras analizaron os datos, inmunizáronse máis de 40.000 persoas, estudáronse os efectos secundarios, os problemas que teñen... E realmente, en facer unha vacina da gripe non se tarda máis de seis ou nove meses", asegura África González, catedrática de Inmunoloxía da Uvigo.

Considera que a vacina é o mellor antídoto contra esta pandemia. "Penso que foi un reto, dende o punto de vista científico, inmenso; investíronse moitísimos cartos, moitísimo persoal; e ao final o que se ve é que a ciencia é a que nos vai sacar disto", engade.

Ademais, asegura que Galicia está preparada para distribuír calquera tipo de vacina. Neste sentido, lembra que o transporte con neve carbónica é moi habitual nos laboratorios da comunidade.

Noticias web

09/12/2020