Menos tráfico do habitual e controis nas saídas de Madrid para evitar os desprazamentos non autorizados
O estado de alarma aplícase en Madrid de xeito inmediato, entre outras cousas, para evitar saídas da capital cara a outras comunidades pola ponte do Pilar.
Desde que onte se comunicou a decisión xudicial de anular medidas, disparáronse as buscas de viaxes en Madrid. O estado de alarma cámbiao todo.
Na autovía A-6 que une Madrid con Galicia hai menos tráfico do habitual antes dunha ponte festiva. Hai controis da Policía e da Garda Civil en distintas estradas de saída da comunidade madrileña e tamén no aeroporto e nas estacións de tren e autobuses.
Trátase de evitar os desprazamentos non autorizados coa entrada en vigor do estado de alarma. Con todo, houbo quen adiantou a súa viaxe para evitar quedar na capital.
Dende a noite pasada as reservas hoteleiras realizadas dende Madrid aumentaron en preto dun 10%, sobre todo cara a lugares costeiros do sur e o leste de España.
Nós fomos ata Sanxenxo, un dos destinos preferidos polos madrileños, para ver que previsión teñen os hostaleiros para esta ponte.
Na vila prepáranse para regresar á tempada alta estes tres días, cos hoteis rozando a plena ocupación.
Din que o groso desta campaña do Pilar se contratou hai dúas ou tres semanas e que, nese sentido, non notaron aínda o "efecto Madrid".
Ao ser unha ponte de só tres días, contan que o turismo sexa sobre todo galego ou de comunidades veciñas. E veñan de onde veñan, aquí están preparados para recibilos.
O tempo vai acompañar e teñen boas expectativas para esta ponte, vital para a campaña de outono na hostalería.