Menos tensión nas rúas de Barcelona na sexta noite de protestas
A sexta noite de protestas en Barcelona rematou con oito detidos e polo menos sete feridos, a maior parte deles policías que recibiron o impacto de obxectos e pedras por parte de varios encapuchados. Os disturbios foron menos virulentos ca en noites anteriores, pero volveron producirse saqueos en varias tendas. Os danos en mobiliario urbano nestes cinco días de altercados foron valorados en máis dun millón de euros.
O sexto día de manifestacións en Barcelona para pedir a liberación de Pablo Hasél, que comezaba no exterior da estación de Sants cun milleiro de asistentes, levaba por lema esta pancarta: "Ensináchesnos que ser pacíficos é inútil".
Tras percorrer varias rúas do Eixample, a violencia desatábase á altura da Vía Laietana, onde algúns encapuchados comezaron a lanzar todo tipo de obxectos, desde colectores ata unha bengala, contra os axentes que custodiaban a Xefatura Superior da Policía Nacional. E onde vimos a imaxe dunha muller interpoñéndose para frear os máis violentos.
A actitude repetiuse cando varias persoas intentaron atacar outra vez o edificio do Palau da Música. Un home encarouse con eles e evitou un novo ataque.
Tamén se produciron actos vandálicos no Paseo de Gracia, onde se repetiron os saqueos e estragos en tendas. E tamén se producía esta carga policial para dispersar a xente e evitar o avance dos manifestantes.
A actuación da policía autonómica nos altercados en Cataluña está no centro do debate político. Os Mossos recoñecen que hai "crispación" no corpo policial e piden máis protección.
Pere García, secretario xeral de SAP-FEPOL: "É o estado de crispación que veñen sufrindo os Mossos por un abandono da maior parte do sector político, que deixou que unha mínima minoría do sector parlamentario leve o debate político de cal debe ser o modelo de orde pública".
Tras reunirse con eles, o conselleiro do Interior, Miquel Sàmper, admitiu que hai unha "violencia extrema" na rúa e falou da necesidade de reformar o modelo de orde pública.
Miquel Sàmper, conselleiro do Interior: "Houbo unha violencia extrema. Temos a responsabilidade conxunta de traballar de forma conxunta, valla a redundancia, para tentar que isto dure o menos posible e para devolver a tranquilidade ás rúas de Cataluña".
No PSC, o exministro Salvador Illa condenou a violencia, defendeu as forzas de seguridade e criticou o silencio do Goberno catalán.
Salvador Illa, PSC: "Esperei cinco días e, ante o silencio dos que debían falar, quero dicir con toda claridade que quen non defenda os Mossos d'Esquadra e a Policía de Cataluña, é dicir, quen non defenda a convivencia, a orde pública e a seguridade, está inhabilitado para gobernar Cataluña".
O PSC pedirá explicacións no Parlamento se os conselleiros afectados por esta crise non comparecen por iniciativa propia.