Menores e redes sociais: o perigo de difundir imaxes íntimas
O uso das redes sociais non é legal para os menores de 14 anos, así que, con menos desa idade non se poden rexistrar sen o consentimento dos seus pais ou titores. Pero case todos teñen algún dispositivo, fan uso del e, ás veces, váiselles das mans.
Raquel Pagola, grupo de Participación Cidadá da Policía Nacional: "Os nenos non son conscientes de que o envío desas imaxes íntimas pode ser un delito. O que lles aconsellamos é que nunca envíen imaxes íntimas aos compañeiros porque poden caer noutras mans. Cando publicas algo en Internet xa non che pertence. Iso é o que intentamos deixarlles moi claro".
Raquel é unha das axentes que dá charlas á rapazada nos colexios. Fálalles dos perigos das redes sociais, que se reciben imaxes sexuais non as difundan e avisen os pais ou os profesores. Aínda que os menores de 14 anos son inimputables, teñen responsabilidade civil.
Raquel Pagola: "Algún neno contoume que ten mil seguidores. Din que son os seus amigos, pero eu dígolles que en toda a miña vida non coñecín mil persoas que sexan amigas miñas, pero eles son moi confiados e cren que os seus seguidores non lles van facer nada malo".
E un consello para nais e pais, que estean atentos ás redes sociais que usan os menores e instalen programas de control parental.
Raquel Pagola: "TikTok está de moda r estendido entre os nenos, pero hai contidos que non son apropiados para os menores. Os nenos consomen todo e os pais moitas veces non son conscientes".