Reforzos da Policía chegados de Madrid colaboran na investigación da orixe do incendio no Ceao
Continúa a investigación para dar coa orixe do incendio da pasada fin de semana no polígono do Ceao. A Brigada Científica da Policía Nacional está a contar co apoio dun grupo de especialistas desprazados desde Madrid.
A investigación está nun momento clave e por iso se desprazaron ata aquí expertos en lume da Comisaría Xeral de Madrid para colaborar coa Brigada Científica da Policía Nacional e esclarecer canto antes os motivos polos que se desataron as lapas.
Están acompañados de peritos das aseguradoras que colaboran na análise visual e fotográfica para poder realizar unha reconstrución do incendio o máis fiel á realidade. Tamén tratan de determinar que partes das seis naves afectadas teñen que ser derrubadas e cales se poden recuperar.
Ademais, segue cortado este carril da estrada para dar acceso aos investigadores e aos bombeiros que, aínda hoxe, seguen traballando para arrefriar a zona.