Mellora a situación hospitalaria pero rexístrase un leve aumento de contaxios
A evolución da pandemia en Galicia continúa estable aínda que nas últimas horas un leve aumento nos contaxios fixo que os casos activos deixaran de descender, como viña acontecendo desde principios de agosto.
O último informe do Sergas constata un pequeno aumento nos contaxios, ata os 34 novos, coa cifra máis alta desta semana, que se atribúe fundamentalmente a unha suba na área da Coruña, con 11 casos, e de Santiago, con dez. Aínda así, a media dos últimos 15 días non chega aos 28 casos diarios.
Este dato fai subir lixeiramente o número de persoas coa infección activa a 415, dúas máis ca onte. A Coruña, con 134 casos, é a área máis afectada, seguida pola de Santiago, con 76.
Situación hospitalaria
Un ingresado menos en Vigo deixa en 18 a cifra de hospitalizados en planta en Galicia. Nin a área de Lugo nin a de Pontevedra teñen xa pacientes con covid−19 nas unidades convencionais aínda que si manteñen casos na UCI. Nestes momentos todas as áreas volven ter algún paciente ingresado. En total hai 25, sete deles críticos.
Desde o xoves non se notificaron falecementos e no que levamos de mes morreron 11 persoas coa covid−19.
No que levamos de pandemia, contaxiáronse en Galicia 182.933 persoas, das que curaron 179.903 e faleceron 2.649.
Galicia deixou de estar en situación de emerxencia sanitaria tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do decreto que levanta esa condición, na que levaba desde marzo de 2020.