CRTVG

Buscar

Melide únese a Ordes e Monforte de Lemos no nivel de restricións máximas

Publicado o 04/09/2021 14:29

O 60 por cento da poboación galega está desde este sábado no nivel máis baixo de restricións.
No lado oposto, están tres concellos, nos que preocupa a súa evolución: Ordes e Monforte de Lemos seguen sen controlar a súa situación epidemiolóxica e continúan unha semana máis con restricións máximas. A elas únese desde esta medianoite, Melide.

Nestes tres concellos, coas restricións máis extremas, os establecementos de hostalaría non teñen pemitido servir en interiores e nas terrazas só poden ter operativas a metade das mesas. Os locais pechan á unha da mañá. A partir desa hora e ata as 6 están prohibidas as reunións entre persoas non conviventes.

Melide, a última en incorporarse a estas restricións máximas, ten 118 casos novos diagnosticados nos últimos 14 días.
A súa situación epidemiolóxica empeorou tras a celebración das festas do San Roque, e ese incremento de casos estendeuse tamén a municipios limítrofes, que soben ao nivel alto.

En toda Galicia hai desde hoxe 41 municipios no nivel medio e 21 localidades no nivel alto.
En canto ás cidades, ningunha conta con restricións altas.
Pontevedra, Vigo e Santiago pasaron do nivel medio ao medio-baixo, actualmente o máis suave.
A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense permanecerán os vindeiros sete días no nivel medio.

Noticias web

04/09/2021