Meirama di adeus despois de corenta anos
A central térmica de Meirama pecha hoxe as súas portas logo de 40 anos de actividade.
As instalacións, que botaban a andar con polémica, alá a finais dos anos 70, pechan hoxe un ciclo de actividade producindo electricidade a partir da queima de carbón.
A central chegou a empregar máis de 300 persoas e a producir o 10% da electricidade xerada en Galicia. Agora Naturgy prepara o seu despezamento e a posta en marcha de proxectos alternativos nesta comarca.
A entrada en vigor da nova directiva europea de emisións impide desde hoxe a actividade desta central tras a renuncia de Naturgy a modernizar as instalacións.
Para compensar este peche, a empresa propietaria comprométese a investir 80 millóns de euros en dous parques eólicos e unha planta de biogás, aínda en proceso. Na comarca reclaman, ademais, novos proxectos dos fondos de transición.
En Europa, países como Alemaña ou Polonia continúan poñendo en marcha centrais de carbón. En España acelérase o proceso de peche coa desconexión de sete centrais como Meirama.