Aumentan as reclamacións na corentena relacionadas con viaxes ou telefonía
Aumentan as reclamacións por problemas coas compañías aéreas, telefónicas e por estafas en Internet durante a corentena. A Unión de Consumidores de Galicia dános algúns consellos para xestionar as queixas máis frecuentes.
A maioría das queixas son pola negativa das empresas a devolver os cartos e por dar como única opción un bono para cambiar no prazo dun ano.
Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia: "É importante lembrar que o usuario non ten por que aceptar esta circunstancia. E, se decidimos aceptar un bono, convén que estea garantido dalgún xeito porque podería ocorrer que nos próximos meses deixase de prestar servizo esa axencia ou ese empresario e o consumidor quedaría cun bono que non estaría garantido por ningunha empresa".
Consellos tamén ante as queixas polas ofertas dalgunhas compañías telefónicas nun momento en que está prohibida a portabilidade.
Tampouco recomendan aceptar cambios nas tarifas eléctricas. Canto ás compras por Internet, hai que ter coidado porque aumentan os calotes na rede. E se temos que devolver algún produto, non hai présa, porque o prazo queda suspendido durante o estado de alarma.