Medran as críticas á continuidade de Illa como ministro
Salvador Illa insiste en que seguirá á fronte do Ministerio de Sanidade ata o comezo da campaña das eleccións de Cataluña, previstas para o 14 de febreiro. Ata ese momento, asegura, vaise dedicar "en corpo e alma, todos os minutos" á tarefa ministerial.
Pero o Partido Popular pídelle que renuncie ao cargo xa. Para Pablo Casado, "o que non pode facer é empregar medios oficiais e institucionais para intentar rañar votos mentres descoida unha xestión que xa era francamente lamentable á fronte deste ministerio".
O presidente do PP cre que é incompatible o traballo en Sanidade con facer campaña, unha postura que tamén comparte a alcaldesa de Barcelona e mesmo cargos de Unidas Podemos. O seu deputado Juan López de Uralde declaraba en Radio Vitoria que Illa "debe deixar o ministerio e dedicarse a ser candidato, que é o que lexitimamente decidiu".
Dende o PSC rexeitan as críticas. Para o seu líder, Miquel Iceta, "a candidatura de Salvador Illa dá medo a moitos, e iso explica moitas das reaccións que se están producindo".
Sánchez aínda non anunciou quen substituirá a Illa. Os medios apuntan a Carolina Darias. Deixaría libre Política Territorial, que podería pasar a Miquel Iceta, aínda que o catalán cre que "é prematuro especular ao respecto".
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pídelle a Sánchez que actúe rápido e que tome unha decisión con prontitude porque, na súa opinión, a campaña electoral xa empezou e a pandemia require toda a entrega dun ministro.