CRTVG

Buscar

Medra o número de peregrinos polo Camiño Portugués, especialmente no da costa

Publicado o 03/01/2019 14:44

Con máis de 81.000 peregrinos en 2018, o Camiño Portugués a Santiago aumentou un 22% a súa ocupación durante o ano pasado. E a maior parte dese incremento débese a que se dobrou o número de camiñantes pola variante da costa.

Un de cada catro peregrinos que chega a Compostela faino a través do Camiño Portugués. Só por detrás da máis transitada, a francesa, a ruta que se orixina no país luso consolídase entre as preferidas.

Case 82.000 peregrinos escolleron o Camiño Portugués o ano pasado. Delas, 30.000 tomaron Tui como punto de partida e case 68.000 pasaron por Pontevedra. Os voluntarios que xestionan o albergue pontevedrés confían na súa ampliación de cara ao Xacobeo 2021.

Mesmo os hoteis da cidade adaptan instalacións e ofrecen novos servizos axeitados ás necesidades deste novo tipo de clientes.

A auxe do Camiño Portugués tamén está potenciada pola afluencia crecente de camiñantes pola variante da costa. Se en 2017 a percorreron 7.300 persoas, o ano pasado escollérona case 14.000.

 

Noticias web

03/01/2019