CRTVG

Buscar

Medra o debate sobre a fin do uso da máscara nos espazos abertos

Publicado o 18/05/2021 16:16

Todo apunta a que queda pouco para dicirlle adeus á máscara ao aire libre. O Director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, Fernando Simón, considera que poderemos sacala nos exteriores dentro de "non moitos días". As súas palabras deixan entrever un futuro próximo sen esta barreira hixiénica.

O conselleiro de Sanidade aposta por comezar a sacar o cubrebocas en paseos pola costa ou polo monte.

"Xente que sae pasear por espazos exteriores amplos, no litoral, no monte ou en zonas urbanas onde hai posibilidade de non atoparse con ninguén", asegura Julio García Comesaña. 

No mundo científico, insisten na necesidade de seguir vacinando e reducir a incidencia acumulada do virus para poder precindir da máscara. A inmunóloga África González explica que "normalmente se fala de incidencia baixa arredor dos 20 casos por cen mil habitantes, e estamos nunha media de 151". 

Entón, será posible un verán con praias sen máscara? Segundo o profesor emérito de Medicina Preventiva, Juan Gestal, "nas praias de Galicia eu creo que se podería estar sen máscara; nas praias do Mediterráneo, onde está a xente amontoada, para andar paseando debe usarse".

Na rúa, polo momento, a maioría prefire ser prudente. As residencias con todas as persoas usuarias vacinadas tamén poderían estar preto de volver á vida sen esta prenda que forma parte da nosa indumentaria dende hai máis dun ano.

Noticias web

18/05/2021