CRTVG

Buscar

A Unión Europea esíxelle a AstraZeneca o envío de doses da vacina desde o Reino Unido

Publicado o 28/01/2021 12:53

Comeza a rebaixarse a tensión entre a Unión Europea e AstraZeneca polos atrasos nos envíos da vacina. Nas últimas horas reuníronse ambas partes e acordaron traballar para solucionar as complexidades para a entrega das doses os vindeiros meses. Esta controversia coincide cos atrasos dos laboratorios de Pfizer e Moderna, o que levou a varias comunidades a alterar os calendarios de vacinación.

Tras adiarse a reunión pola mañá, finalmente AstraZeneca acudiu á xuntanza coas autoridades comunitarias. A comisaria europea de Sanidade esíxelle á farmacéutica que cumpra co calendario pactado de envíos e eleva o ton.

Stella Kyriakides, comisaria europea de Sanidad: "AstraZeneca ten que cumprir os compromisos e acordos. Estamos nunha pandemia. Perdemos xente cada día".

Segundo adiantaron algúns medios de comunicación, desde AstraZeneca comprometéronse a estreitar a coordinación conxunta para resolver a entrega da vacina nos vindeiros meses pero que tiñan problemas de produción nunha plantas da Unión Europea. Bruxelas insta ao laboratorio a enviar o fármaco desde as fábricas do Reino Unido se ten atrancos nas plantas de Bélxica e Alemaña.

Cos atrasos de AstraZeneca, que se suman aos de Pfizer e Moderna, en plena terceira vaga, a vacinación ralentízase en España, o que obriga as comunidades a facer reaxustes. Cataluña xa avisou que acabará as doses que ten esta semana e que vai priorizar a segunda dose. A Comunidade de Madrid, a que menos vacinou ata agora, anunciou que vai suspender durante polo menos 15 días a inoculación de primeiras doses.

E mentres vanse coñecendo máis casos de altos cargos que se vacinaron cando non lles correspondía por protocolo. Nas últimas horas dimitía a concelleira de Benestar Social e primeira tenente de alcalde de Dénia.

En Euskadi, a conselleira de Saúde informaba de que no hospital Santa Marina de Bilbao, á parte de directivos, se vacinaron 16 persoas non adscritas ao centro, entre elas representantes sindicais, curas e camareiros.

A Fiscalía vai investigar a fondo os abusos nas vacinacións. O Ministerio Público ve difícil o encaixe penal das irregularidades. Polo menos 700 persoas, entre políticos e altos cargos, vacináronse sen corresponderlles. Só dimitiron 9.

 

Noticias web

28/01/2021